(traductor: Eduard Velasco)
Espazotempo
Digo en voz alta a palabra universo
e sei que cando a escoites notarás a fascinación
que me zumegaba mentres a escribía
porque has sentir os enigmas da palabra
colapsándome o cerebro.
Has notar o frenético rexistro
da frecuencia cardíaca e mais o alento entrecortado
pola revelación do baleiro que enche,
que abraza as zonas mortas.
Universo.
E isto non é ciencia, isto é pura mística
que non pode ser documentada
nin con cifras
nin con letras.
Os humanos que nos preguntamos
somos tan idiotas que facemos graza.
Soberanía
As cousas pequenas precisan parella.
Dous ollos.
Dúas orellas.
Dous brazos.
Dous tornecelos.
Dous cóbados.
Dúas mans.
Dúas mamilas.
Dúas pernas.
Dous ovarios.
Dous testículos.
Dous xeonllos.
Dous pés.
Mais a morte, a morte é tan grande
que tan só pode haber unha.
A hibernación do oso
Namorei
do cordón umbilical.
Dábame os requirimentos,
ofrecíamos na boca.
Agora vivo na saudade perpetua
de todas as vidas
ás que me tería podido amarrar
con aquel conduto
de carne e visións.
A miña nai
aínda non sabe
das pinturas rupestres
que lle debuxei
na parede uterina.
Ruderal
Renace a miudeza
do ínfimo.
Repousa ao lado da estrada,
na ribeira do bloqueo mental.
Que determinación,
a da pequena planta que medra na cuneta,
incomodando o cemento que a esgana.
Rupestre ata a cerna dos ósos,
desvívome por intimar
con esta planta,
para a animar a non decaer,
para lle copiar o aceno gañador.
Unhas semellanzas
inventadas.
Un impulso vexetal que xa é meu.
Hipertensión
A presión
sempre foi elevada
no nivel no que me movo.
Porque se non arrisco non vivo
e se non vivo non ten sentido escribir
e como vivir sen escribir?
Así que a presión
sempre foi elevada
no nivel no que me movo,
porque quero escribir, e non hai escrito sincero
sen que a cabeza do que escribe
estoupe.
E por iso todo o que fago
é a presión e trae problemas,
porque os problemas
son movemento, son loita, son motor.
E por iso todo o que fago
é a presión e trae problemas,
porque os problemas son inspiración.
E que quede outro
co vivir aboiando, que eu quero
comer terróns de terra.
E a coiraza transparente
que a vista outro, que eu quero
trillar
os dedos en cada porta,
que eu quero entrar nun tornado e dar voltas
e tirarme a un río caudaloso
e que me leve.
A probabilidade de quedarme nel
sempre foi elevada
no nivel no que me movo,
porque se quero escribir teño que vivir e non sufrir
por se se me para o corazón.